Audiovisual

Crebinsky

A historia está ambientada na costa galega en xuño de 1944, no contexto da Segunda Guerra Mundial. Feodor e Mijail Crebinsky son dous irmáns, fillos de María Cribeiro e Vladimir Crebinsky, un piloto ruso que sofrera un accidente aéreo anos antes. Noutro accidente os nenos quedan orfos, e despois  dunhas choivas torrenciais o río crece e asolaga a aldea na que viven. Levados pola corrente, os irmáns e a súa vaca Mucha aparecen na costa. Fan unha cabana non lonxe dun faro, sobrevivindo grazas ás crebas, os obxectos que deixa o mar. Os irmáns Crebinsky criáronse sós dende novos, polo que teñen unha particular relación (comunícanse cun frases simples e directas) e un peculiar modo de existencia (ao descoñeceren o uso real dos obxectos que atopan, recíclanos segundo mellor lles conveña en cada momento cun grande enxeño artesanal).

Sen sabelo, vense implicados no conflito bélico. Un piloto alemán da Luftwaffe ten un accidente na praia, e un submarino estadounidense decide desembarcar alí. Soldados alemáns que traballan preto de alí, nunha mina de volframio, van xunto cun falanxista na procura do piloto accidentado, pois levaba un radiotransmisor. Os irmáns comezan unha viaxe pola zona na procura da súa vaca, e chegan a unha verbena na que actúa un grupo musical. Finalmente atopan a vaca, xunto á tumba dos seus pais. Nese momento a vaca morre, e os irmáns regresan á aldea natal.

Podes ver Crebinsky aquí: https://www.filmin.es/pelicula/crebinsky?origin=searcher&origin-type=unique