Ficción sonora

Audioguía ficcionada en Ribadeo

Data de estrea: 12-05-2018

Unha produción Chévere en co-produción coa Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense a través do convenio coa Axencia de Turismo de Galicia, Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Turismo Slow. Coa colaboración de Promove Consultoría.

Available in Galician, Spanish, English and French

A iniciativa da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Chévere deseñou e elaborou tres audioguías para as tres cidades que son portas da Mariña Lucense: Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo. As audioguías ficcionadas son un formato innovador creado por Chévere para o seu aproveitamento turístico. Produto dun coidado proceso de documentación participado por axentes locais, desenvolven historias personalizadas, cun enfoque e un formato diferenciado e adaptado a cada destino, sempre ligadas aos espazos polos que transcorre o paseo, na procura dunha implicación emocional por parte da persoa que escoita.

O legado indiano é un dos sinais de identidade de Ribadeo, que axudou a conformar unha parte importante da fisionomía urbana da cidade. As casas de indianos e outros edificios ligados á súa influencia (mercados, escolas, hoteis, etc.) son un patrimonio construído que nos permite visibilizar un xeito de vida xa desaparecido, pero que marcou a varias xeracións e deixou unha impronta ata o día de hoxe. Durante o percorrido visítanse os principais exemplos da arquitectura indiana presentes en Ribadeo: a Torre dos Moreno, a casa de Don Clemente, as primeiras casas da rúa San Roque, a Casa da Calzada, a Casa dos Enanos, a Casa de Sela... Ademais, hai alusións a outros edificios como a Casa do Concello-Pazo de Ibáñez, Cine Colón, casa natal do Viejo Pancho, o Teatro, a capela de San Roque, Hotel Ferrocarrilana...

O relato concíbese como se fose o testemuño directo dun indiano, poñendo na súa voz os recordos de toda unha vida de idas e voltas entre Ribadeo e América. Para construír o personaxe deste indiano que nos fala utilizáronse historias, testemuños e textos de distintas procedencias, sempre relacionados coas vidas doutros emigrantes, pero a inspiración principal foi a figura de Ramón Fernández Higueras, ribandense fillo de indianos e emigrante el mesmo en Arxentina, autor duns murais inéditos que existen dentro da Casa dos Enanos. Non se trata dun retrato realista, senón dunha inspiración na que se recollen apenas algunhas referencias e impresións persoais.

A intención do relato é que a persoa que escoite se vexa inmersa nunha película antiga, reforzando esa impresión cunha banda sonora que evoca os sons, ambientes e músicas da primeira metade do século XX. Isto nos permite revivir escenas da vida dos indianos de Ribadeo, trasladarnos ata o Buenos Aires de comezos de século, asistir á conversa duns mariñeiros de Rinlo ou escoitar un anuncio de radio dos anos trinta dunha actuación de Antonio Machín.

Duración: 43 mintuos