Obradoiros

Obradoiro do espectador

Data de estrea: 08-10-2009

O Obradoiro do Espectador foi unha iniciativa de Chévere como compañía residente na NASA, posta en marcha en 2009 coa colaboración da Rede de Centros Socioculturais de Santiago de Compostela. Cada mes, a compañía desprazábase a un barrio da cidade para falar sobre un espectáculo que logo un grupo de persoas viñan ver na Nasa, mantendo un coloquio cos actores e actrices ao rematar a función. A experiencia trasladouse ao concello de Teo e funcionou entre 2012 e 2018 en colboración con asociacións veciñais e culturais. E Chévere tamén ofreceu obradoiros do espectador aos concellos que acolleron obras da compañía entre 2010 e 2012.

O obradoiro do espectador é unha actividade formativa arredor das artes escénicas contemporáneas, combinando materiais audiovisuais, dinámicas e debates guiados por unha persoa da compañía. Trátase de dar unha información complementaria e de contexto sobre un espectáculo antes de asistir a velo. Visibilizar a parte do proceso creativo que o público non ve no escenario. Xerar unha expectativa real. Promover a curiosidade. Aproximar a creadores e espectadores. Socializar a experiencia de asistir ao teatro. E mellorar a formación como espectador de calquera veciño ou veciña.