Ficción sonora

Chevereografías. Chelo, paseo nº 1

Data de estrea: 04-06-2016

Trátase dunha intervención teatral no barrio da Magdalena de Ferrol, feita por encargo do Festival Fóra do Mapa para a súa primeira edicion. A peza que creamos é un xeito distinto de achergarse á mesma cidade de sempre. Unha experiencia teatral superposta sobre o espazo urbano. Apropiarse do paseo como táctica de relación coa contorna para provocar un feito escénico a pé de rúa. É apenas andar, mirar, escoitar. Activar o encontro entre o teatro e o público. Desenvolver unha ficción que fará aínda máis real a cidade na que vivimos. Só tes que seguir a Chelo e escoitar o relato do seu reencontro coa súa cidade despois de moitos anos de ausencia.

O público sigue a peza a través de reprodutores mp3 e auriculares que se entregan no punto de inicio, no antigo Hospicio, xunto á Praza de Amboage. O roteiro percorre o barrio da Magdalena e remata na Libraría Quijote e durante o trasncurso do paseo presencia diversas escenas con participación de actores e actrices en distintas localizacións do barrio. A duración da peza é duns 40 minutos.