Supersoniq, o mal non acouga
- En escena: Miguel de Lira, John Eastham, Blanca Cendán, Vicente Mohedano, Helena, Rosana Villagrasa, Xron, Cristina Garabana, Victoria Paz Pitusa
- Dramaturxia e dirección: Chévere
- Técnicos: Pepe Sendón, Lola de Chino
Esta é a trepidante historia de Supersóniq nun despiadado mundo editorial e o seu encontro cos malignos acólitos do Dragón Vermello. Unha versión disparatada, irrreverente e iconoclasta do texto de Josep Mª Bernet, mesturando a rápida lectura dos tebeos coa urxencia do teatro de rúa. O espazo urbano utilizado como escenografía implicaba axustar e adaptar a obra para cada unha das actuacións, facendo unha visita previa para situar as escenas e atopar solucións específicas a cada espazo. O máis delicado era resolver como instalar a tirolina pola que se descolgaba Supersoniq voando por riba do público cando facía a súa primeira aparición. Tamén tiña o seu momento de protagonismo o VW Escarabajo de John, que era o que utilizaban os viláns para as súas persecucións e fuxidas. Meses despois da estrea chegou o inverno e con el a necesidade de adaptar a obra a interiores para seguir traballando. Desta volta a re-estrea foi no Teatro Principal de Compostela, que viña de ser rehabilitado como teatro municipal. E a obra tivo unha segunda vida por teatros, casas da cultura e salóns de todo tipo.