ObradoirosOutros proxectos

Narrativas de futuro

Data de estrea: 29-04-2023

En Biduído-Ames Patricia de Lorenzo guiou o obradoiro no que participaron un grupo de mulleres da asociación O Reguiño. En Pontevedra Xesús Ron guiou o obradoiro no que participaron un grupo de veciñas e veciños da Asociación Veciñal Eduardo Pondal e un grupo de estudantes da facultade de Belas Artes e da ESAD.

Imaxinar un futuro que poida inspirar os cambios necesarios no presente para superar o cambio climático é o obxectivo deste proxecto realizado en colaboración entre Chévere, a cooperativa Feitoría Verde e o SEPA (Grupo de Investigación en Educación Ambiental da facultade de Pedagoxía da USC). Baixo o título “Do desequilibrio aos soños compartidos, narrativas de futuro sostibles”, o proxecto busca ampliar os marcos da educación ambiental, traballando con persoas de distintas xeracións para imaxinar futuros desexables. Trátase dun traballo financiado pola Fundación Daniel e Nina Carasso dentro da convocatoria “Componer Saberes 2021”,  que contou co apoio do concello de Pontevedra, concello de Padrón e concello de Ames, e coa colaboración do IES Camilo José Cela de Padrón, a asociación veciñal Eduardo Pondal de Pontevedra e a asociación O Reguiño de Biduído.

Se a primeira experiencia desenvolveuse en Padrón, con participación de 20 rapazas e rapaces de 2º de bacharelato do instituto e 6 persoas maiores de 65 anos do grupo de voluntariado do concello, no curso 2022-23 o proxecto tivo continuidade en Pontevedra e Ames.

Durante os primeiros meses de 2023 Chévere guiou un obradoiro interxeracional que tiña como obxectivo principal mobilizar a capacidade de imaxinar outros futuros, desbordando os límites impostos polas visións distópicas dominantes. Un exercicio para descolonizar o futuro, poñer en práctica o potencial transformador da imaxinación e desenvolver estratexias para construír narrativas alternativas.

Deste xeito, nos obradoiros achegámonos á historia dos colapsos culturais do pasado, practicamos a utopía como crítica emancipatoria da sociedade actual, navegamos entre o pasado, o presente e o futuro para exercitar un pensamento a longo prazo e actualizar o concepto do bo antepasado, debatemos sobre xustiza interxeracional, realizamos unha viaxe no tempo a través da nosa biografía persoal e escollemos formatos narrativos que nos permitan elaborar relatos de futuro accesibles e replicables. Tamén recollemos prácticas da vida rural que serán útiles para facilitar o cambio necesario na nosa forma de vida actual, co fin de facela máis sostible.

Como resultado, en Pontevedra as persoas participantes elaboraron unha colección de diarios do futuro, localizados en 2073, que se presentaron o sábado 29 de abril, colocándose nos bancos do barrio do Gorgullón uns códigos QR coas voces das veciñas e veciños narrando os seus relatos. E en Biduído-Ames o grupo, composto exclusivamente por mulleres de varias xeracións, elaborou un programa de radio que se emitiu en Ames Radio, co título "Construír o futuro entendendo o noso pasado".

Como peche do proxecto, realizáronse unhas xornadas abertas en Pontevedra os días 27, 28 e 29 de abril. No Convento de Santa Clara desenvolvéronse uns Diálogos Utópicos, nos que participaron a cantautora Sés, a arquitecta e investigadora Cristina Botana, a enxeñeira informática Laura M. Castro e a escritora María Reimóndez. E o sábado 29 as Fillas Bravas puxeron o punto final coa súa actuación na praza da Curtidoira, no barrio do Gorgullón, onde se levou a cabo o obradoiro.