Helen Keller, a muller marabilla?

- En escena: Patricia de Lorenzo, Chusa Pérez , Ángela Ibáñez
- Dramaturxia e dirección: Xron
- Comunicación: Xana García
- Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo
- Iluminación: Fidel Vázquez
- Produción executiva: Patricia de Lorenzo
- Axudantía de dirección: Borja Fernández
- Espazo audiovisual: Lucía Estévez
- Distribución: Cremilo / Carlos M. Carbonell
- Son: Xurxo Pinheiro
- Idea orixinal: Chusa Pérez
- Creación: Chévere
- Asesoramento e apoio en inclusión: Chusa Pérez
- Produción, administración: Inés Portela
Unha co-produción de Chévere co Centro Dramático Nacional e co Teatre Lliure, con apoio de AGADIC/Xunta de Galicia. Colaboran: Centro Dramático Galego, Concello de Ames, Sala Ártika. Obra en lingua oral (galego) e lingua de signos (LSE), con textos proxectados en galego.
febreiro 2024
marzo 2024
abril 2024
maio 2024
Nos últimos quince anos estreamos unha serie de pezas que cuestionaron as narrativas oficiais sobre o imperio Zara de Amancio Ortega (Citizen), sobre a crise financeira (Eurozone), sobre a globalización (Eroski Paraíso), sobre a submisión do mundo rural (As Fillas Bravas), sobre a unidade nacional, a liberdade de expresión e a España Baleirada (Curva España) ou sobre a cultura do petróleo (N.E.V.E.R.M.O.R.E.). Sempre a través de historias locais nas que se cruzan a memoria colectiva e a nosa experiencia persoal.
Agora estamos traballando nun proxecto que vai modificar algunhas das chaves do noso traballo, tratando de cuestionar o noso propio modus operandi para seguir desbordando os límites e as estratexias máis repetitivas e canónicas das prácticas actuais de teatro documento. Para fuxir do ensimismamento. Para non saír na foto. Para non perder o costume de seguir buscando. Afastámonos das historias máis ou menos locais e da mirada xeracional, pero mantemos o interese por narrar desde as zonas de fricción entre a memoria colectiva e os relatos oficiais, mantendo a metodoloxía de traballo e as tácticas de creación.
Todo comeza ao descubrir a figura dunha muller totalmente descoñecida para nós, chamada Helen Keller, nacida en Tuscumbia (Alabama, EEUU), que se converte nunha celebridade mundial ao ser, segundo a historia oficial, a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard, despois dun duro proceso de aprendizaxe desde os oito anos. Esta é a parte da súa vida que se fixa na memoria colectiva, como exemplo de superación da discapacidade. E a maioría dos seus escritos acaban rescatados como simples aforismos motivacionais.
Pero ao investigar en numerosos arquivos dixitais norteamericanos imos descubrindo outras facetas desconcertantes da súa vida: forma parte do Partido Socialista Americano, que abandona para integrarse nun sindicato revolucionario coas siglas IWW; é unha sufraxista militante e defende o control da natalidade e o dereito ao aborto; é unha activista contra a a I Guerra Mundial e o intervencionismo norteamericano; percorre Estados Unidos de costa a costa actuando no principal circuíto de vodevil; escribe unha serie de libros para expoñer as súas ideas políticas, algún dos cales é queimado polos nazis en 1933; posiciónase contra a guerra atómica e viaxa por zonas conflitivas como Xapón, Israel ou Sudáfrica defendendo o pacifismo e contra o apartheid...
Pero o máis sorpredente é que, desde o 2020, espállase polas redes sociais unha campaña que afirma que Helen Keller é un fake, incluíndo unha petición en Change.org para eliminala da historia. Imos ver que hai de certo en todo isto. Por que se ocultan aspectos da súa vida? Por que queren eliminala da Historia? Por que se nega agora a Helen Keller? Por que non é posible que unha das mulleres máis famosas da súa época en EE.UU. fose unha militante comunista? Por que unha muller con discapacidade non pode converterse nunha lider anticapitalista? Por que ao negar o pasado podemos ter a tentación de roubar o futuro?
Este é un proxecto sobre a posibilidade da rebeldía e a disidencia na nosa sociedade. Sobre a posibilidade de ser unha muller marabillosa e ao mesmo tempo inconformista. Sobre a posibilidade de que unha muller xorda rompa o silencio social ou unha muller cega abra os ollos da sociedade diante da inxustiza. Sobre a posibilidade da utopía entendida como unha función da nosa memoria. Pero este tamén é un traballo sobre a linguaxe, que quere cuestionar a in-comunicación entre persoas ointes e non ointes, integrando na mesma obra a lingua falada e a lingua de signos.