- En escena: Patricia de Lorenzo, Mónica García, Arantza Villar
- Idea e creación: Chévere
- Dramaturxia e dirección: Xron
- Escrita: Manuel Cortés
- Adestramento musical: Inés Portela
- Gráfica: Yoseba MP
- Vídeo: Lucía Estévez, Leticia T. Blanco
- Fotografía: Leticia T. Blanco
- Vestiario: Chévere , Maribel Gómez
- Asesoramento lingüístico: Rosa Moledo
- Adaptación a LSE: Chusa Pérez de Vallejo
- Intérpretes LSE: Chusa Pérez de Vallejo, Gema Santos Custodio
Unha produción Chévere, co apoio da Agadic/Xunta de Galicia e a colaboración do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental-SEPA, do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC. Agradecementos: Susana de Lorenzo.
Roberto Pascual
Diario Cultural. 16 de setembro de 2020
Un espectáculo memorable
Afonso Becerra
Artezblai, 4 de outubro de 2020
Unha interpretación incrible que, sen recorrer á parodia nin a caricatura, (re)produce o humor, a retranca e a ironía máis autóctonas e, á vez, auténticas.
Iván Fernández
Praza Pública, 12 de outubro de 2020
Tal é a arte de Chévere: a de meterche toda unha crítica a como a humanidade deu no cambio climático, sen te decatar case do que están a falar, de tanto que te estás a rir.
As Fillas Bravas son tres pandeireteiras do lugar de Momán, parroquia de Padrenda, concello de Trabancas, que cantan coplas e contan contos escoitados ou inventados, con moita retranca e non menos sabedoría.
Nesta nova obra, As Fillas Bravas usan as fontes do teatro clásico grego e da música tradicional galega como ferramentas para artellar a súa singular conversa cantada.
As Fillas Bravas e o mito de Casandra é, por un lado, unha obra na que tres mulleres maiores tratan de entender o cambio climático e facerlle fronte aplicando os saberes e a experiencia dunha vida longa no rural. E por outro, é unha obra con perspectiva de xénero á procura de personaxes femininas empoderadas, colocando o foco nunha muller afirmativa, autónoma, creativa e implicada na colectividade.
Por que o mito de casandra?
Casandra, filla do rei de Troia, era tan fermosa que Apolo ofreceulle o don da profecía, se aceptaba converterse na súa amante. Ela aceptou. Pero cando Apolo se lle achegou ela negouse. O deus, ofendido, pensa un castigo exemplar, sen deixar de cumprir a palabra dada: concédelle a Casandra o don de predecir o futuro, co engadido dunha maldición incontestable, ninguén vai acreditar no que ela di. E así foi. Casandra tratou de alertar sobre a verdadera natureza do cabalo de Troia e a caída da cidade en mans do exército grego, pero axiña descubriu que coñecer o futuro non serve de nada se ninguén cre no que dis.
Porque a ciencia é a Casandra actual e o cambio climático o noso Cabalo de Troia
Na actualidade, a maldición de Casandra materialízase nas persoas que se dedican á investigación científica. A ciencia trata de comprender, respectar e actuar acorde coas leis do universo. Busca a verdade sobre o funcionamento da natureza e adianta, mediante modelos conceptuais ou numéricos, as consecuencias da actuación humana. Pero poucas veces se lle fai caso e a comunidade científica ve como a sociedade camiña irremediablemente cara un desenlace que se podería evitar. Un exemplo perfecto disto é o cambio climático, do que a comunidade científica de todo o mundo leva alertando como mínimo desde os anos setenta, sen que ninguén lle conceda a credibilidade que merece.
Por iso, agora fálase máis ca nunca da maldición de Casandra para describir a situación na que se atopa a ciencia respecto da sociedade. Por iso escollemos o mito de Casandra para esta peza das Fillas Bravas sobre o cambio climático.