Teatro

Divinas Palabras Revolution

Data de estrea: 12-04-2018

Unha produción do Centro Dramático Galego.

Esta é unha versión inconscientemente libre do texto orixinal de Valle Inclán, perpetrada polo equipo artístico do grupo Chévere e feita apenas para reconstruír en escena Divinas Palabras, cando se cumpren cen anos da súa publicación. Por tanto, este texto debe entenderse como un dos elementos que deron forma á montaxe titulada Divinas Palabras Revolution, estreada no Salón Teatro de Compostela o 12 de abril de 2018. Confesamos que nos achegamos á obra orixinal como se fose un cadáver ao que había que facer unha autopsia, abrir en canal, extraer os seus órganos internos e recompoñer de novo cada unha das súas partes para lle dar nova vida dentro do contexto actual da nosa sociedade. Despois da operación bótanse en falta algunhas pezas, outras atópanse cambiadas de lugar, incorporáronse partes doutros cadáveres e foron engadidas próteses novas. Para quen coñeceu a obra orixinal, o resultado da nosa actuación ha ter sen dúbida un aspecto monstroso, pero o certo é que a obra cobrou vida, tocou ao público de hoxe e non deixou indiferente a ninguén. Desta volta o Doutor Frankenstein non tivo que saír correndo horrizado.

Porque Divinas Palabras Revolution acabou sendo o mesmo retrato descarnado dun pobo que permanece inconsciente da súa ferocidade. Un testemuño irascible da miseria moral da sociedade contemporánea. Un xogo traxicómico carregado de ambiguidade e ricas suxerencias significativas. Unha historia impulsada por paixóns primarias expresadas con despreocupación e falta de culpabilidade, na que os personaxes se exhiben instintivamente, guiados por unha sinceridade desesperada.

Divinas Palabras Revolution tamén foi a expresión de moitas imposibilidades. A imposibilidade dunha identidade propia nun mundo globalizado, a imposibilidade do sagrado, da beleza, da natureza virxe, da pureza, do misterio, de todo iso que simbolizaba Galicia na obra de Valle Inclán. Porque agora esa aldea valleinclanesca probablemente estará abandonada, desahabitada ou directamente borrada do mapa, cos seus montes queimados, as súas praias urbanizadas e os seus mares exterminados, atravesada por mil camiños asfaltados que de tanto querer chegar a todas partes non levan a ningures.

Se é o escenario o que crea a situación, como dicía Valle Inclán, esa aldea agora transformouse nun plató de televisión e as vidas dos seus habitantes nun exercicio de exhibicionismo autocompracente formateado como un reality show, un espazo de acción tan controlado coma a aldea de Divinas Palabras. Un espazo social ao mesmo tempo confuso e uniforme onde todo e nada é posible, onde o tempo é lento, continuo e simultáneo, onde non hai lugar sequera para o antagonismo, para a loita entre o ben e o mal, entre a escuridade e a luz, entre o aberto e o pechado, porque aos personaxes da historia agora tan só lles queda a promesa de estar dentro.

Valle Inclán intentou na súa época facer un teatro crítico e distinto ao imperante e foi rexeitado polos seus contemporáneos. Cen anos despois, comprobamos que a súa obra pode manter ese mesmo espiritu indómito, incómodo e inconformista deixándose afectar polo contexto da sociedade actual.