Teatro

Chévere 3.0

A finais de xuño de 1987 Chévere actuaba por primeira vez en público e o facía na Praza dos Bombeiros de Santiago de Compostela, detrás da Escola Mestre Mateo. Trinta anos despois daquela noite de verán a compañía segue funcionando e está vivindo un dos seus mellores momentos artísticos e profesionais. Premio da Crítica de Galicia 2011. Premio de Honra da MIT de Ridabavia 2012. Premios María Casares ao Mellor Espectáculo en 2012, 2014, 2017. E Premio Nacional de Teatro 2014, converténdose na primeira compañía galega en ter este recoñecemento, o máis importante das artes escénicas de ámbito estatal, que desde 1949 recibiron apenas 7 compañías (Els Joglars, La Fura dels Baus, Ur Teatro, Teatre Lliure, Animalario, Atalaya e La Zaranda).

Chévere quixo celebrar este 30 aniversario agasallando ao público. Por iso ofreceu a posibilidade de revivir a experiencia de asistir a 3 obras míticas do repertorio da compañía só durante o mes de xullo.

As dúas primeiras obras escollidas caeron polo seu propio peso: é moita a xente que segue falando de cando viu por primeira vez Rio Bravo e para Chévere foi unha escola de vida e oficio, ademais do primeiro gran éxito de público. Annus Horríbilis marcou un punto de madurez e excelencia para todo un grupo de artistas vencellados con Chévere, coa Nasa e con Compostela e permitiu abrir novos camiños profesionais e creativos. A terceira obra escollida é máis recente, a Ultranoite no País dos Ananos, que foi a única obra de Chévere que non se puido ver nesta cidade e serve de homenaxe a ese xénero propio que se inventou nun arrabaldo de Compostela e que todo o mundo coñece como Ultranoite.

As tres obras ofrecen unha panorámica musical, gamberra e festiva do que foi a traxectoria artística de Chévere nos 80, nos 90 e nos dousmil. As tres ofrecen miradas dispares sobre a Galicia desta época e as tres foron creadas en colectivo e contaron co apoio de milleiros de espectadores e espectadoras. Montar estas tres obras tamén foi un agasallo para a cidade de Compostela, fogar e paisaxe emocional ao longo de tantos anos. Quen quixese velas de novo, tería que vir á nosa cidade. Non se verían xuntas en ningún outro sitio. Tratouse dunha coprodución entre o Concello de Santiago de Compostela e Chévere que se financiou a través da achega municipal (38%), achegas propias (12%) e ingresos de billeteira (50%).