Projects

Teatro

ICTUS (anatomía de 'A derradeira leición' de Castelao)

Foto do equipo coas mesmas posicións, xestos e actitudes do cadro de Rembrandt titulado A lección de anatomía do Dr. Tulp
  • Audiodescrición Audiodescrición
  • LSE (Lingua de signos española) LSE (Lingua de signos española)
Data de estrea: 20-02-2026

Unha co-produción de Chévere e o Centro Dramático Nacional, con apoio da Agadic-Xunta de Galicia. Colaboran Concello de Ames, Auditorio de Galicia. ACCESIBILIDADE: esta obra conta con intérpretes de lingua de signos (LSE) en escena para persoas xordas signantes e con audiodescrición en directo desde o escenario para persoas con discapacidade visual.

Estrea 20, 21, 22 febreiro 2026!!!

ICTUS é o novo proxecto de Chévere en co-produción co Centro Dramático Nacional. Quizais o maior desafío escénico que teñamos asumido ata agora pola complexidade para abordar o tema desde o teatro.

A estrea será no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela os días 20, 21 e 22 de febreiro de 2026.

Estas funcións facémolas a billeteira, polo que as entradas só estarán á venda a través da plataforma ataquilla.com e o día das funcións na billeteira do Auditorio desde unha hora antes do comezo. O prezo das entradas é de 14€ (+comisión) e con desconto quedan en 10€ (+comisión) para persoas con discapacidade, desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes e menores de 25 anos.

En breve anunciaremos as datas e teatros das funcións que temos previsto facer a partir de febreiro de 2026 en concellos como Pontevedra, A Coruña, Vigo, Lugo, Ourense, Ames, Carballiño ou Madrid.

ICTUS é unha obra sobre a memoria, sobre a relación que existe entre boa memoria e boa democracia e sobre os traumas sen resolver coa nosa memoria histórica. Unha obra que usa como fío condutor o cadro titulado “A derradeira leición do mestre”, que é a derradeira pintura que Castelao asina no exilio, cando está case cego. A obra propón unha viaxe inversa no tempo, acompañando o cadro desde o acto de recibimento que lle organiza o goberno galego cando chega por primeira vez a Galicia no 2018 para protagonizar unha exposición sobre a educación, ata o acto en memoria de Alexandre Bóveda no que se presenta en público por primeira vez no Centro Ourensán de Bos Aires (Arxentina) o 17 de agosto de 1945, noveno cabodano do fusilamento de Bóveda polos militares golpistas, declarado Día dos Mártires de Galicia pola colectividade galega desterrada.

Argallamos un dispositivo documental no que se cruzan as voces de numerosas testemuñas, para dialogar coa historia persoal dunha muller que sofre alteracións da memoria por un dano cerebral adquirido, causado por un ictus que lle dá durante ese acto de recepción do cadro de Castelao.

O resultado é unha viaxe escénica que nos invita a entender como se constrúen -e como se disputan- as narrativas da memoria.

ACCESIBILIDADE

En todas as funcións que se fagan, esta obra integra en escena a lingua de signos (LSE) para persoas xordas signantes e conta con audiodescrición en directo desde o escenario integrada na narrativa, para persoas con discapacidade visual.

TRABALLO EN PROCESO E MEDIACIÓN

O proceso de investigación e documentación previo deste proxecto desenvolveuse durante algo máis dun ano desde o mes de xullo de 2024 ata o mes de outubro de 2025. Durante este tempo lemos moito e de todo, consultamos numerosa documentación histórica sobre o golpe de estado do 36 e o exilio republicano en Arxentina, investigamos sobre a memoria, as alteracións da memoria e o concepto do testemuño. Ademais, documentamos todo o relacionado coa chegada do cadro de Castelao a Galicia e investigamos sobre a orixe e historia do cadro; entrevistamos a persoal investigador do grupo HIstagra da USC, especializado no estudo do golpe militar do 36 e a violencia desatada en Galicia; contactamos coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) para facer o seguemento algunhas exhumacións; visitamos o Museo de Pontevedra para coñecer de primeira man a súa colección de obras de Castelao; traballamos con educadoras, terapeutas e neurosicólogas da Federación Galega de Dano Cerebral Adquirido (DCA) e entrevistamos a seis persoas con DCA. E tamén tivemos encontros con persoal médico que traballa nas áreas de radioloxía e neuroloxía e contamos co asesoramento de profesionais da xustiza para analizar os xuízos sumarísimos como instrumento para lexitimar o uso da violencia. 

Para traballar a performatividade da investigación sobre o valor simbólico que se lle atribúe ao cadro de Castelao fixemos unha reprodución do cadro a tamaño real para presentala en contextos públicos diversos, asociada a un breve cuestionario ao que se accede desde un código QR. Isto servíu para abrir e transparentar o proceso de creación da nosa obra de teatro, ao mesmo tempo que se amplía a conversa arredor do cadro e da memoria conflitiva que representa. Polo de agora viron a nosa reprodución do cadro arredor de 4.000 persoas e responderon o cuestionario case seiscentas persoas entre 11 e 77 anos. Esta foi a ruta do cadro:

  • 29 novembro/1 decembro 2024: Culturgal, Pontevedra.
  • 26 decembro 2024/5 xaneiro 2025: Sala Capitol, Santiago de Compostela
  • 28 marzo/11 abril 2025: Facultade de Xeografía e Historia USC
  • 22-30 abril 2025: Casa da Cultura Milladoiro (Ames)
  • 30 abril/11 maio 2025: Casa da Cultura Bertamiráns (Ames)
  • 12-16 maio 2025: CIFP Compostela, Lamas de Abade
  • 19-23 maio 2025: Biblioteca Concepción Arenal (Conchi) USC
  • 2 xuño 2025: Museo das Peregrinacións, Galicia Escena PRO, Santiago de Compostela
  • 17-27 xullo 2025: Praza de abastos, MIT Ribadavia
  • 1-15 outubro 2025: Pazo da Cultura, FIOT Carballo
  • 16-27 outubro 2025: IES Santa Irene (Vigo)
  • 22 novembro 2025: Xornadas de Historia para profesorado, Teatro Principal Pontevedra.

Nalgúns destes lugares fixéronse encontros dialogados co público:

  • Facultade de Xeografía, Historia e Historia da Arte da USC, 9 abril 2025
  • Casa da Cultura Bertamiráns, Ames,  6 maio 2025
  • CIFP Compostela, Lamas de Abade, 15 maio 2025
  • Praza de Abastos, MIT Ribadavia, 21 xullo 2025
  • Pazo da Cultura, FIOT Carballo, 15 outubro 2025
  • IES Santa Irene, Vigo, 27 outubro 2025
  • Xornadas de Historia para profesorado, Pontevedra, 22 novembro 2025

E ademais fixemos un obradoiro-cásting para persoas xordas accesible en LSE o 11 outubro 2025 en Santiago de Compostela, con asistencia de 9 persoas.