Teatro

A derradeira leición...

Data de estrea: 20-02-2026

Proxecto en construción

No verán do 2024 comezamos a traballar nun novo proxecto de creación titulado "A derradeira leición do mestre" que se estreará en febreiro do 2026 no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. O fío condutor do proxecto é o cadro de Castelao titulado "A derradeira leición do mestre". E o punto de partida da nosa investigación é o acto institucional de recepción que se lle fixo ao cadro na Cidade da Cultura cando foi exposto por primeira vez en Galicia no ano 2018. Un detonante que nos servirá para abrir un diálogo sobre artes nacionais, identidades colectivas e psicopatoloxías da memoria.

Este novo proxecto nace para afondar nunha afirmación que cada vez escoitamos máis: a confianza na democracia redúcese ao mesmo tempo que se perde a memoria directa da experiencia fascista dos anos 30 que conduciu á ditadura franquista, á Segunda Guerra Mundial e ao xenocidio.

É desde aí onde xorde a pregunta de partida do noso proxecto: como se constrúen as narrativas da memoria e o esquecemento? O tema de fondo da obra vai tratar sobre iso:

Sobre como recordamos.
Sobre a relación que existe entre boa memoria e boa democracia.
Sobre se a memoria morre coa imposibilidade de dar un testemuño directo sobre un feito.
Sobre a natureza do esquecemento e a necesidade da memoria.
Sobre a función narrativa da memoria.
Sobre a distancia entre a experiencia da memoria persoal e a memoria común.   
Sobre o coidado e mantemento da nosa memoria persoal para vivir en sociedade.
Sobre o maltrato e esquecemento da nosa memoria colectiva para manter a convivencia social.
Sobre as conexións entre a memoria, o esquecemento e a historia. Ou entre o teatro histórico e o teatro da memoria. Aínda que ao falar da memoria, poderíase preguntar o mesmo sobre o esquecemento: Que implica o esquecemento no noso mundo? Que decidimos lembrar e que decidimos esquecer? Ou quen decide o que lembramos e o que esquecemos? Como se documenta o esquecemento?

O que imos explorar en escena é o contraste entre o que pasa cando un trauma afecta a nosa memoria individual e cando afecta á nosa memoria colectiva. Como reconstruímos a narrativa da nosa memoria cando un golpe na cabeza fai que perdamos partes da nosa memoria persoal e como o facemos cando un golpe de estado provoca perdas na memoria colectiva da nosa sociedade. Trátase de superpoñer cada un destes dous planos no escenario para xerar unha historia especificamente teatral sobre a memoria e o esquecemento.

    • Nun deses planos actúa o trauma da perda de memoria histórica na sociedade actual, que se representa en escena cun cadro real da época que non se puido ver en Galicia ata hai seis anos, o que revela o pacto de silencio no que se fundou a nosa convivencia democrática durante os últimos cincuenta anos.
      
    • Noutro deses planos actúa o trauma da perda de memoria en persoas afectadas por Dano Cerebral Adquirido (DCA), que se representa en escena cun personaxe con DCA que desencadea a ficción incorporando nela o propio proceso de documentación da obra.

Pode unha persoa con DCA resolver o conflito da nosa memoria histórica?

TRABALLO EN PROCESO

Para traballar a performatividade da investigación sobre o valor simbólico que se lle atribúe ao cadro de Castelao fixemos unha reprodución do cadro para presentala en contextos públicos diversos, asociada a un breve cuestionario ao que se accede desde un código QR. Isto servirá para abrir e transparentar o proceso de creación da nosa oba de teatro, ao mesmo tempo que se amplía a conversa arredor do cadro e da memoria conflitiva que representa. De momento, esta é a ruta prevista para o cadro:

  • 29 novembro/1 decembro 2024: Culturgal, Pontevedra.
  • 26 decembro 2024/5 xaneiro 2025: Sala Capitol, Santiago de Compostela
  • 28 marzo/11 abril 2025: Facultade de Xeografía e Historia USC
  • 22-30 abril 2025: Casa da Cultura Milladoiro (Ames)
  • 30 abril/11 maio 2025: Casa da Cultura Bertamiráns (Ames)
  • 12-16 maio 2025: CIFP Compostela, Lamas de Abade
  • 19-23 maio 2025: Biblioteca Concepción Arenal (Conchi) USC

A idea é animar á xente a participar e intervir nunha conversa aberta co cadro de Castelao para tirar dos moitos fíos que se cruzan nel. Aí está o testemuño directo sobre a memoria conflitiva do golpe de estado de 1936 e a represión franquista en Galicia. Aí está a homenaxe e mitificación de Alexandre Bóveda, fusilado en agosto do 36, membro dunha brillante xeración truncada pola ditadura. Aí está o propio Castelao, membro dunha xeración expulsada ao exilio que xa non poderá volver. Pero aí está tamén a arte como denuncia. A arte como símbolo da memoria colectiva. Aí está o debate sobre se o cadro debe permanecer na Arxentina como parte da nosa memoria emigrada e exiliada ou debe estar en Galicia. Aí está o uso do cadro para reafirmar narrativas diverxentes sobre unha memoria colectiva que segue en confito noventa anos despois do golpe de estado. E aí está un grupo de teatro que quere tirar de todos eses fíos para explorar en escena que pasa cando un trauma afecta a nosa memoria individual ou a nosa memoria colectiva.