Projects
ULTRANOITE #116

- En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Arantza Villar, Borja Fernández, Antón Coucheiro, Xron, Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián, Carlos Freire, Rafa Morales, Federico Pérez
- Comunicación: Xana García
- Iluminación: Fidel Vázquez
- Produción: Inés Portela
- Intérpretes LSE: Chusa Pérez de Vallejo, Gema Santos Custodio
Unha produción Chévere con apoio da Agadic-Xunta de Galicia e a colaboración da Sala Capitol
setembro 2025
A Ultranoite volve á Sala Capitol en setembro, coincidindo co cambio de estación, o mellor xeito de despedir o verán e recibir o outono (se é que iso que chamabamos outono segue existindo). Estas serán as únicas datas para o ano 2025. Ademais, desta vez serán catro funcións seguidas, de xoves a domingo. E a función do domingo 21 contará con intérpretes de lingua de signos en escena.
En escena estará o equipo habitual dos últimos anos: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Borja Fernández, Arantza Villar, Antón Coucheiro, Xron e os músicos Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián e Carlos Freire. E contaremos coa colaboración especial de Federico Pérez.
A Ultranoite é un formato teatral creado e desenvolvido na Sala Nasa de Santiago de Compostela a partir de 1993. Un espectáculo anfibio que se alimenta de xéneros teatrais populares como o cabaré e o teatro de variedades, o vodevil e o café teatro, o music hall e a revista, sen parecerse a ningún. A eles engade a sensibilidade contemporánea da performance, a urxencia do agitprop, a inmediatez do underground, unha retranca visceral e unha estética que reivindica a perrallada como arte povera escénica para situarse un pouco máis alá do teatro. Definida como revista radical da actualidade pola súa resposta inmediata aos acontecementos do momento, ou como teatro de usar e tirar porque usa a realidade como material de refugallo para compoñer cancións, pezas de vídeo e números teatrais, a Ultranoite é o contrarrelato das crónicas de sociedade e un fenómeno metereolóxico único na historia recente da produción cultural galega.